CREA PERFIL PARA INSCRIBIRTE EN LAS OFERTAS

12 respostas sen pelos na lingua de Alfonso Salazar

alfonso-salazar-ascega-entrevista-galejobs

Alfonso Salazar fala lento e contundente. Non ten pelos na lingua e esquéncese ás veces de que, ademáis de empresario cunhas cantas batallas ó lombo, é tamén Presidente de ASCEGA. Ou seica non se esquence mais pódenlle as gañas de contar o que pensa. Estas son as 12 respostas que nos deu sobre Galicia, o emprendedurismo e o panorama económico que nos agarda.

Que é ASCEGA e onde funciona?

ASCEGA é a Asociación de Emprendedores de Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro. Temos ámbito autonómico pero actualmente a nosa actividade céntrase na provincia de A Coruña. Somos 100 asociados.

Cal é o perfil de asociado que tedes?

Temos moitos socios empresarios que sempre foron empresarios, é dicir, xente que nunca se adicou a nada que non foran empresas. ASCEGA créase no ano 2011, motivada pola situación de crise que estabamos a padecer. Moitos dos que estamos aqui coñecíamonos porque estiveramos xuntos en AJE e crimos que conviña volver a xuntarnos porque sentiamos que as asociacións e entidades que había non defendían ós que realmente estabamos a sufrir máis a crise, que éramos os autónomos e pequenos empresarios… as PEMES.

Nunha crise que dura desde finais do ano 2007, ver que hai asociacións empresariais que non abriron a boca para nada… era algo que non entendiamos moi ben. Comprendemos que son asociacións subvencionadas que viven do que viven… pero nós consideramos que non defenden ós empresarios. Entón decidimos dar o paso.

Cando un empresario fracasa, márcaselle social e administrativamente. ASCEGA reivindica o recoñecemento do fracaso empresarial como algo necesario para medrar

Hai publicados puntos interesantes no ideario de ASCEGA, coma o seguinte: “Queremos un recoñecemento do fracaso empresarial coma unha experiencia formadora”.

Ó empresario que fracasa, se lle marca. Márcaselle socialmente porque estamos nun país de envidiosos; e márcaselle administrativamente porque -a diferencia dos países máis desenvolvidos democrática e económicamente- non existe unha segunda oportunidade. Sacaron unha Lei de Segunda Oportunidade pero de chichimona, que non vale para nada… Non se lle dá unha segunda oportunidade ó empresario. E  consideramos que temos que recoñecer ese fracaso.

De feito, un dos pilares de ASCEGA é abrirlle os brazos ós que leven un golpe. Aqui coñecémonos todos; a maioría da xente non traballou nunca por conta allea e teñen caido empresas que levaban 20, 25, 30 anos…  Por iso, unha das accións que fixemos este ano foi o Reemprende: se te arruinaches e estás volvendo a comezar, dámosche unha placa de recoñecemento e unha aperta porque non queremos que ninguén quede colgado.

Agora vemos que non hai moitos empresarios porque non se fomenta; e, os que eran empresarios pero se foron ó carallo, parece que xa non teñen dereito a vivir, a comer, a salir adiante… e iso nós non o consideramos.

Ven moita xente que tentou e fracasou ou veñen novos emprendedores?

A maioría da xente metida en ASCEGA levou o seu… Tamén hai xente que ven a pedir información antes de emprender pero porque se está a chamar á xente ó emprendemento. Díselles “emprende, que che pago as cuotas da Seguridade Social e che capitalizo o paro” e despois chegan aqui, ves o plan que traen … e é para sair correndo. Moita xente non ten nin idea de onde se mete.

Por exemplo, veu un rapaz dicindo que iba montar o negocio da súa vida pero, cando colles un folio e lle fas tres preguntas, non sabe o que vai facer. Por iso, fixemos un curso chamado ‘Aprendiendo a emprender’ no que se explicaban casos de éxito e fracaso, o que era unha empresa, como son os tipos de sociedades… todo iso. Admitiamos 25 persoas en cada obradoiro e sentímonos moi orgullosos de que algúns alumnos montaran despois unha empresa. Pero ainda nos sentimos máis orgullosos de sacarlles da cabeza a algúns que montaran as empresas que querían montar. É moi complicado; o 98% das empresas non chegan ós 2 anos.

Que cres que falta para emprender en Galicia?

Eu penso que a lexislación autonómica non pode facer moito máis do que fai polo emprendedor porque prácticamente o 99% da lexislación que nos afecta é estatal. E no Congreso dos Diputados, o 99% dos tipos que se sentan alí a lexislar son funcionarios do Estado.

Que farías ti?

Nós cremos que hai moito que facer. Primeiro, eliminar a Lei de Segunda Oportunidade tal e coma está plantexada. Segundo, liquidar as cargas coa Administración, tanto fiscales coma da Seguridade Social, que son culpables de parte da desaparición do texido empresarial. Terceiro, abaratar os costes de despido ou modificalos porque, a pesar do que pense algunha xente, un empresario non contrata para despedir senón para traballar. E o que non poden é poñer ás empresas uns gastos de despido de tal calibre que supoña que o paso seguinte despois de pagar a indemnización sexa a liquidación da empresa.

Non podemos ter unha lexislación que, desde o 1 de Xullo, pretende cargar con responsabilidades penales ós administradores de sociedades porque eso non vai fomentar a creación de sociedades senón reducilas. O que non podemos ter é un sistema garantista que fai o que lle peta. Se me quere embargar, embárgame; se unha licencia tarda un ano, pois tarda… Este país ten que cambiar. Eu non podo estar gobernado por funcionarios; terei que estalo por xente que está na rúa e sabe o que pasa. E tampoco podo estar en mans das entidades financieiras.

Que perspectiva tes do panorama económico galego?

Somos moi optimistas. Primeiro, porque a xente deuse de conta de onde vive e actúa doutra maneira. Segundo, porque estanse a abrir negocios ainda que se perderan dez anos e se cargaran unha xeración. Somos optimistas porque a moitos colleunos nunha idade na que nos vai dar tempo a reemprender.

Pero tamén somos conscientes de que moita xente terase que acostumar a vivir no que chamamos zombieland, esto é, non existo para a administración, non teño conta no banco, non pago autónomos, non pago nada…

Esto dilo pola xente que emprendeu e lle foi mal?

Claro. É que unha cousa é que che saia mal e outra que te empurren a iso. Porque eu pregúntome cantas empresas viable acabaron por ir mal porque as entidades financieiras ou Hacienda facían o que lles petaba? Ou porque a Seguridade Social non negocia?

Cal é o teu maior reto coma Presidente de ASCEGA?

Durante unha tempada, o máis duro era atopar os dramas que atopaba. Porque ti poste nunha posición de forte e de quen lles da as apertas ós que o pasan mal pero despois iso lévalo a casa. E atopar a xente á que viches comezar o negocio e ver que agora perden ata a súa casa, non é agradable. E deses casos temos a mallar… Xente que queda sen nada.

Entón o que queremos é que a xente que vai emprender saiba onde se mete. E, se é viable, entón sí que xeramos oportunidades de negocio entre os asociados e promocionamos o networking ou o que precisen.

Queremos que os emprendedores saiban onde se meten, non estamos aqui para dicirlles o que queren escoitar senón para aconsellar

Que lles recomendas que non fagan nunca?

Pois precisamente colaboramos coa Universidade da Coruña dando charlas e ponencias sobre o fracaso empresarial e do que non deben facer. Persoalmente, pasoume de todo. E en base a iso, sempre recomendo: non avales e non te tires nos brazos do crédito bancario. Despois de todo o acontecido, os bancos percibiron unha mensaxe: que fagan o que fagan, nunca perden.

E que lles recomendas facer?

Non hai recetas. En moitos casos, o empresario é alguén que non ten toda a formación académica precisa pero que ten esa chama dentro. E non todo o mundo vale para isto. Ten que ter unha parte importante de temeridade, outra de valor e outra moi importante de traballo constante. Pero un tipo que, só porque quedou no paro, o capitaliza e monta un bar cando antes traballaba de enxeñeiro…

Facedes o mentoring?

Sí, se nolo piden, facémolo encantados. Montamos ASCEGA porque cremos no asociacionismo e queremos apoiar ós emprendedores e empresarios e por iso seguimos facendo eventos e obradoiros, ainda que veñan 2 persoas.

Pero hai moita xente coa súa idea na cabeza e que non quere oir outra cousa. E hai xente que ven ó tolo dicindo “é que me avala miña nai ou meu irmán” e quere que lle digas o que quere oir. E nós non facemos iso.

*Alfonso Salazar foi co-fundador e primeiro presidente de AJE Marineda. Actualmente é Presidente de ASCEGA e empresario.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

 

Crea una cuenta en Galejobs

Busco trabajo Ofrezco trabajo