Xavier Ramilo non só é a cara do noso primeiro vídeo promocional de Galejobs senón que tamén é unha boa mostra do talento da nosa terra e un dos fundadores da arteixá Asociación Teatral Paso de Valverde. Hoxe achégase ao blog de Galejobs para contarnos un pouco máis do seu propio proxecto.
1) Antes de nada, chegou a hora da crítica (risas). Como foi participar na rodaxe do noso vídeo de Galejobs?
(risas) Pois a verdade é que foi unha experiencia moi divertida! Levaba tempo sen poñerme diante da cámara. O mellor foi poder participar do proceso creativo durante eses días. O peor é que o tempo non acompañase para a idea inicial -na que precisábamos choiva- aínda que penso que se resolveu moi ben.
2) Que experiencia previa tiñas na actuación?
Veño do mundo do teatro e aquí continuo. Comecei con mestres de aquí como Pablo Sánchez ou Manuel Lourenzo que me meteron o veleno da interpretación no corpo. Despois decidín marchar a Italia a estudar. Alí coñecín xente moi afín ás miñas tendencias teatrais, coa que estiven varios anos de aquí para alá -Italia, Holanda, España..- ata que voltei para aquí de novo e comecei un proxecto xunto con outros dous rapaces que se chama Paso de Valverde (ATPdV), unha asociación coa que levo xa uns anos.
3) Como nos resumirías que é Paso de Valverde?
Trátase dunha asociacion teatral afincada en Arteixo, creada por Paulo Serantes, Antonio Mira e eu mesmo, a través da cal tentamos realizar actividades que promovan tanto a actividade teatral en galego coma as artes escénicas no seu conxunto, sexa danza, música…
4) Cando e por que naceu?
Paso de Valverde naceu inicialmente como resposta instintiva ás nosas circuntancias aló polo 2006. Acabábamos de voltar de colaborar cunha compañía hispano-holandesa chamada Teatro Punto e atopábamonos nese momento no que tes que tomar as túas propias iniciativas se queres seguir adiante no mundo das artes escénicas. Precisábamos unha plataforma que nos acollese, que permitise dar saída a propostas que sempre quixemos que se fixesen na nosa zona e decidimos formar a nosa propia asociación.
5) Que significa Paso de Valverde para ti?
Para min, ATPdV agora mesmo significa un modo de facer as cousas. Cando estamos a traballar nunha escea, nunha idea ou nun simple movemento, temos unha idea de se iso é “valverdian” ou non. Non sei se se trata dun estilo propio ou se simplemente non sabemos facer outra cousa. Polo momento non nos incomoda; resúltanos agradable recoñecer o noso tipo de traballo.
Por outra banda, tamen significa para min compartir; e agora máis que nunca. Estamos a reestructurar a dirección do grupo e isto axuda a abrir a mente á hora de ver o cadro completo que estás a pintar: escoitar novas críticas constructivas, novos puntos de vista… sempre é san.
6) Ofertades tamén cursos de máis actividades?
Ademáis de teatro – que é a nosa actividade principal-, temos tamén clases de ioga e baile moderno. Mais o local aínda ten capacidade para máis actividades. De feito, ofrecemos o local da nosa asociación a todo/as aqueles/as que queiran comezar a facer unha actividade en Arteixo: mestres dalgunha disciplina artística, grupos que precisen dun espazo para ensaiar… Estamos abertos a tódalas posibilidades. O único que queremos é que o noso local se poida manter durante moitos anos grazas ás actividades.
7) Que estades a facer agora?
Como comentaba, temos un local en Arteixo dende hai uns anos e realizamos actividades de luns a venres. Nestes momentos estamos a comezar os nosos cursos regulares de teatro, baile e ioga, tanto para adulto/as coma para nenos/as. Tódalas tardes temos algunha actividade para os amantes da escea e aproveito para lembrarlle á xente que aínda están a tempo de apuntarse! (rí) Podedes seguir as nosas actividades a traves da páxina de Facebook de Paso de Valverde, que imos actualizando diariamente.
8) Que lle dirías á xente que esté pensando en crear unha asociación coma a túa?
Que se animen a facer proxectos, sexan asociacións culturais, cooperativas ou o que precises para realizar os teus soños. Moitas veces non accedemos a determinadas actividades ou oportunidades por non constituirnos coma unha organizacion social. Festivais de teatro, cine, actividades para o teu concello… para todo precisas dun ente que te avale e unha asociacion cultural é un bo medio para achegarte a esas oportunidades sen un custo elevado.
9) En Galejobs falamos sempre do #talentogalego. Hai talento galego no teatral e audiovisual? Cres que falta apoio á creación cultural dende a administración pública?
Por suposto que hai talento no teatro galego. Pero teño que dicir que o talento non ten nada que ver con se eres galego ou xaponés. O talento ten que ver coa perseverancia. Ten que ver coa ilusión de descubrir, de sorprenderse a un mesmo, de arriscar. A administración pública non ten nada que ver co talento, ao meu parecer. O único que ten que facer é cumprir os seus compromisos. Con iso, xa estaría a xente contenta.
10) Que espectáculos tedes en cartel agora mesmo?
Este ano, temos tres espectáculos e un máis que está a piques de saír do forno. E de feito, son tres espectáculos totalmente diferentes. Un espectáculo dramático chamado Sánatos -a truculenta historia dun matrimonio-, a obra infantil Un día no circo -a historia dun rapaz que marcha a ver o circo e remata traballando nel- e tamén temos o espectáculo didáctico Adeus Kantor -sobre a creación teatral do actor-.
Agardamos ter o próximo espectáculo canto antes, xa que nos están chamando de varios dos concellos aos que fumos coas anteriores montaxes. Trataráse da historia de dúas irmáns nunha cidade en guerra -unha desas que perfectamente poderiamos ver nas noticias-; a loita contada dende o punto de vista de dúas mulleres.
Deixa unha resposta